lunes, 17 de agosto de 2009
Tarde en Soutipedre
Unha tarde en Soutipedre; foron tantas as cousas que quixen recoller coa cámara de fotos que ao final as máis espectaculares non pudieron entrar por estar a memoria chea.
O sábado 15 fun ate Castro caldelas, levanteime ás sete e media da mañá e encamiñeime cara Monforte por Palas de Rei, Taboada ( onde por certo vin a un home co maleteiro co carro aberto, a muller mirando e el tomando un quinto de cervexa, ás 8:30 h !!), Chantada e Monforte. De alí collín cara Castro Caldelas baixando polos canons do Sil. Ao chegar á praza da feira (ao carón do Castelo) tomei un café e axiña se xuntou a xente para ir ver o Castelo e facer o programado nese día.
Pois se xa quedara abraiado coas vistas ao baixar o Canon do Sil (tamén é impresionante a baixada de chantada), mais abraiado ia quedar ao longo do día. Visitamos o castiñeiro co perímetro mais grande, xantamos nun fermoso pazo e logo collemos camiño cara Soutipedre, unha aldea colgada dos montes onde se ten unha panorámica impresionante da paisaxe. Toda a tarde a pasamos xogando á billarda,e ao final aos bolos celtas. Unha lección de maestria a o dos veciños da aldea que dominaban o xogo mellor ca un cativo os mandos dunha videoconsola Tivemos que rematar xa que entre os trebóns de auga que caian de vez en cando, o vento que levantaba o pó do camiño e a tronada, ademais do máis importante: xa se facía noite. Para volver recomendaronme encamiñarme cara a Rúa e coller a N-120 cara Monforte. Pois baixei de Soutipedre ata o santuario das Ermidas, impresionante, o camiño era retorto e por riba de fondos barrancos, e ao fondo xunto ao río unha fermosa constucción que aproveita a pedra e o releve para levantarse. De alí volvín subir e xa me encamiñei cara a Rúa nunha subida continua e cos lóstregos en fronte. Comecei a ver os encoros e o río Sil volveu aparecer. Circulaba por encaixados camiños entre os montes, moi verticais. E comecei a ver nomes coñecidos como San Clodio, o que me lembraba aquela profesora interina que pasara un tempo en lugo, e que contaba que na festa sempre acaban ao santo en procesión, mais un ano como non chovía e o santo non obraba, tirárono a un pozo e ata que choveu non o sacaron de alí (ao mellor o santo encheuse de tanta auga). Logo Rugando e lembroume o conto de Anxel Fole, e tamén un cartel que indicaba a dirección a seguir para chegar ao Courel. Máis encoros, máis rio Sil. Monte Furado o túnel, a ponte do tren, e logo xa camiño ao longo do río Lor. O resto xa era mais coñecido: xa estaba chegando a Monforte, xa facía media hora que saira daquela aldea de Manzaneda e inda me quedaba outra hora para chegar á casa.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario